Alá polo ano 1112, a raíña Dona Urraca cede o coto de Marín (Pontevedra) ao cabaleiro Diego Arias, quen ao quedar viúvo entra na vida monacal en Oseira, un dos mosteiros máis grandes e importantes do seu tempo, cedéndolle este as súas posesións.
Comeza así unha relación de vasalaxe entre os pescadores de Marín e os monxes de Oseira. Os pescadores comezan a enviar ao mosteiro distintos tipos de peixes, entre eles o polbo, por aquel entón un alimento abundante e de escaso valor. E así, coa axuda dos arrieiros que levan as súas mercadorías a través do camiño real, o polbo convértese en obxecto de comercio para os campesiños da zona e nun dos seus alimentos principais.
Na segunda metade do s. XVII acontece un feito importante na historia da nosa vila: os monxes de Oseira trasladan a feira de Cea a un cruce de camiños na parroquia de Partovia, o lugar chamado Flores. A entrada principal ao recinto da feira estaba gardada por un carballo, motivo que dará orixe ao topónimo da nosa vila: O Carballiño.
Deste xeito chegamos aos nosos días, nos que Casa Gazpara se erixe ao lado do antigo camiño real, no barrio de Flores, como un carballo na entrada da feira, ofrecendo o delicioso polbo preparado segundo a centenaria tradición cisterciense.